fabas contadas

 

Esta bitácora está feita con Blogger

26.11.05

Flores rotas

Onte rematou a boa racha que levaba na dificil relación amor-odio que levo co cine. No que vai de tempada disfrutei con cintas tan sensacionais como: No sos vos, soy yo, Princesas, Obaba, Match Point, El jardinero fiel,... pero onte aburrinme e mirei o reloxo non sei cantas veces agardando a que pasase algo na última película de Jim Jarmusch. Xa estaba mosqueado pola excelente crítica que o acompañaba (case nunca coincido cos críticos de cine). Bill Murray fai o mesmo papel sosón de Lost in Translation; non lle atopei ese humor intelixente coa que a califican algúns; góstanme os finais abertos onde poidas seguir pensando na peli uns días, pero aquí practicamente non hai nada atado,...
Por unha vez e sen que serva de precedente estiven de acordo cos murmullos de desaprobación da sá cando apareceron as letras de crédito.


|

25.11.05

Non puido ser

Posiblemente non se fixeron tódolos esforzos precisos nin por parte da Xunta e moito menos do Goberno Central, pero o patrimonio inmaterial galego portugués non foi recoñecido pola UNESCO como Obra Mestra da Humanidade. A pesares do momentáneo traspés, co tempo conseguirémolo. Noraboa polo esforzo a todos e todas os que promoveron a candidatura.


|

20.11.05

Día da Dignidade

Síntoo, pero estou completamente en contra da idea de Quin de dar caracter oficial a cada 13 de novembro como Día da Dignidade. O movemento espontáneo de toda a poboación de reivindicación e esixencia surxido en torno a Nunca Maís non pode en ningún caso ligarse ao poder -nin o duns nin o dos outros-. Queda moito por facer, pero basta xa de declaracións e boas palabras e a ver se dunha vez por todas vemos algún feito.


|

18.11.05

A Nova? Lei de Educación

Estou moi mosqueado coa xuntanza de hoxe de ZP cos lexítimos herdeiros do Nacionalcatolicismo (extrema dereita + Igrexa). Por se alguén aínda non o sabe, coa nova Lei de Educación non se modificaría nin un chisco a situación actual coa relixión. Non se iría a máis, é certo, pero seguiría formando parte dos currículums dos centros públicos como ate agora, con profesores elexidos -e despedidos- a discreción pola Igrexa e pagados por todos nós. Se unha das constantes das reunións co Presidente é que ninguén sae coas mans baleiras, dame medo enteirarme nos vindeiros días que se van levar estos.


|

9.11.05

Dignidade 2005

¿Estamos preparados para unha catástrofe como a ocurrida hai tres anos?. Reclamemos solucións todos xuntos este domingo 13 de novembro ás 12 na alameda de Santiago.
Podes ver o cartaz da manifestación aquí.


|

8.11.05

Majosto

En todo o País estanse argallando historias para non esquecer o que nos parou o pulso no outono de hai tres anos. Unha amiga de Vilagarcía pasoume este cartaz coa convocatoria dun Majosto na Praza da Peixería en Vilagarcía de Arousa o venres 11 ás 8 da tarde.

|

5.11.05

Cen días

Cúmprense estes días os primeiros cen días do novo goberno da Xunta. O bipartito creo que funcionou bastante ben sen grandes estridencias. Sen embargo non me gustou demasiado o desfile por San Caetano dos distintos alcaldes (Touriño recibindo aos do PSOE e Quintana aos do BNG), moitos Directores Xerais do PP continúan no seu cargo -algúns deles especialmente impresentables- , na RTVG non mudou nada, política lingüística segue tan inoperante como antes, a aposta polas Novas Tecnoloxías é nula,... Así que lles poñería un aprobado pero hai que mellorar.


|

3.11.05

Protexamos o galego

Segundo un informe da UNESCO "preto da metade das 6.000 linguas que se falan hoxe no planeta corren o risco de desaparecer ao longo de este século, posibilidade agravada polo uso das novas tecnoloxías como Internet".
Nun momento en que Política Lingüística parece non atender como todos quixeramos o achegamento do galego ás NNTT, iniciativas como a do Freeware World Team -e outras similares- adquiren todo o seu valor.


|

2.11.05

A casa de Mafalda

Hai ocasións nas que un personaxe de ficción supera con creces ao seu autor. Ese é o caso de Mafalda e Quino. Dende hai uns anos "Todo Mafalda" está asentado con caracter definitivo na miña mesiña de noite. Procuro releelo de cando en vez. Abras por onde o abras destila sabedoría e sobre todo sentidiño, algo tan escaso nos nosos días. Agora, un grupo de periodistas e blogueiros arxentinos acaban de poñer en marcha unha iniciativa de colocar unha placa en Bos Aires na rúa Chile 371, esquina Defensa, en San Telmo onde supostamente viviu a nosa heroiña. Eu xa asinei.


|

1.11.05

Un ramo de flores para Castelao

Neste día de defuntos mándolle un simbólico ramo de flores a unha das persoalidades máis utilizadas por uns e outros pero que pouco lemos.

"Galiza é unha auténtica nacionalidade. Tén un idioma proprio, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués cultivado literariamente cando a língoa de Castela andaba a gatas ; tén un territorio delimitado naturalmente, de formas doces y entranas duras, que foi unha illa de pedra cando Hespaña xacía no fondo dos mares formativos ; tén problemeas peculiares, de tan rara orixinalidade que sempre ficaron ao marxe das leis liberais de Hespaña e das arrepiantes preocupacións do mundo capitalista ; tén unha cultura autóctona, manifestada en arte e sabiduría popular, tan insulares como foi a nosa Terra en tempos xeolóxicos, tén predisposicións psicolóxicas que nos fixeron inasimilables â cultura e dereito de Castela, coma os bretóns na Franza e os escoceses na Inglaterra ; tén, se quixéramos -que non queremos-, caraiterísticas diferenciaes de raza, pois somos predomiñantemente celtas. Galiza, pois, é unha nacionalidade hispana, tan respetable como Castela e todol-os seus atributos son igualmente diños de respeto.
(...) Galiza, como Cataluña y Euzcadi, é unha nación e, por consiguente, ten dereito a federarse con outros povos igoaes a ela ; e non reconecerlle o dereito de autodetermiñación -inclusive para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal. Agora ben ; nós queremos ceder da nosa natural soberanía todo canto cedan as demáis nacionalidades hespañolas, a fin de constituirmos un Estado rexido pol-a máis pura democracia (democracia fundada na liberdade) onde sexa imposible o privilexio e a servidume".

Alfonso R. Castelao (páx 322-323 de SEMPRE EN GALIZA, edición "AS BURGAS", Buenos Aires 1961)


|

Weblog Commenting and Trackback by HaloScan.com