fabas contadas

 

Esta bitácora está feita con Blogger

25.12.05

Odio as pintadas

É un sentimento que medra día a día. Non soporto as pintadas en fachadas, paredes, baixos,... pola rúa adiante. Os graffitis que fotografei ata a saciedade no que queda do Muro de Berlín son outra cousa, así como os que se realizan en paredes destinadas a tal fin, pero o de embadurnar paredes de pedra ou encaladas con sinaturas do tonto de turno non ten nome. Antes a sinatura era a marca da casa co que o artista rubricaba a súa obra, agora pasa a converterse na obra en sí. A proba de que non consitúen unha nova forma de expresión artística -como dín algúns- e sí un xeito de vandalismo está en que o único edificio que non ten pintadas do barrio onde traballo é precisamente onde vive o autor das mesmas.

|

24.12.05

Os dous lados da cama

Onte á noite fun ver a segunda parte da película de Martínez-Lázaro El otro lado de la cama. Rompendo tópicos a segunda parte é tan boa como a primeira: un enredo á española con amores, desamores, bo humor, excelentes actores -Ernesto Alterio, Willy Toledo, Alberto San Juan están xeniais ao igual que o elenco feminino incluida Verónica Sanchez sobre a que tiña as miñas dúbidas-, o ritmo non decae en toda a cinta e sobre todo ten unha factura impecable. Posiblemente dentro dunha semana non me lembre da trama, nin falta que fai, pero onte empecei o Nadal do mellor xeito posible.

|

20.12.05

III Xantanza - 2005

Este sábado puiden poñerlle cara a moitas das blogs que conforman o blogomillo. Non puiden asistir ás dúas convocatorias anteriores: a da Casa das Crechas -aquela noite divertida do orgullo pailán- estaba no tanatorio acompañando a unha amiga e a do San Clemente coincidíame con outro xantar. Se as blogs galegas son interesantes, moito máis interesantes son os seus autores de idades, intereses, afeccións,... do máis heteroxéneo pero con moito máis en común do que nun primeiro momento puidera parecer. Descubrín grazas ao encontro algunha nova bitácora que penso seguir visitando. Agardo poder asistir de novo o ano que ven, e mentras tanto verei de cando en vez algunha das fotos que puiden sacar dende a miña posición.


|

Weblog Commenting and Trackback by HaloScan.com