14.12.08
O aforcado
Dí o tango que "veinte años no es nada" e polo visto trinta de democracia "nada de nada". Nesta fin de semana lemos as declaracións dun aínda senador da dereita neste país de que "Habría que ponderar [el voto de los nacionalistas] colgándolos de algún sitio". Os xuices e os medios de comunicación admiten como algo normal unhas declaracións deste xeito nesa dirección, gostaríame saber que pasaría se fosen exactamente no sentido contrario.
Vicente 4:46:00 p. m.
|
13.12.07
Véndese voto
Hai moitas cousas que non entendo deste novo BNG. A posición mercantilista dos últimos tempos ante o governo do Estado non ten nome: Con que cara lle imos dicir á señora Carme que non vote ao cacique de turno porque lle prometeu unha farola diante da casa?. O termo "dignidade" perdeu todo o seu sentido nesta organización. Sempre copiamos o peor dos demáis. Non temos arranxo...
Vicente 3:58:00 p. m.
|
7.12.06
Sempre é bo reler aos clásicos
Os animais da granxa levan a cabo unha revolución na que conseguen expulsar ao seu amo e crear as súas propias regras que escriben nunha parede, a última das cales proclamaba: “Todos os animais son iguais”.
Nun primeiro momento a granxa é máis próspera incluso que cando o amo a administraba, pero co paso do tempo, os porcos, que se autoerixiran como líderes por ser máis intelixentes, empezan a abusar do seu poder e manipulan os mandamentos no seu favor. Dous de estos porcos, Snowball e Napoleón, amósanse coma os líderes, pero empezan a surxir diferencias que acaban cando Napoleón lanza aos cans contra Snowball, que fuxe da granxa. A partires de ese momento Napoleón eríxese coma único líder, mantendo a todos os animais baixo a súa dictadura, mediante a ameaza dos cans, e pouco a pouco os porcos acabarán adoptando todos os defectos do home polos cales no seu día iniciaron a revolución, ata que o único mandamento que queda escrito na parede é:
"Todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais que outros".
(Rebelión na granxa, George Orwell, 1945. Extracto obtido da Wikipedia)
Vicente 12:04:00 a. m.
|
4.12.06
Perde o BNG
Dicía alguén que "cando un libro te aburra debes deixalo pois ou está moi por enriba das túas posibilidades ou tí mesmo estás moi por enriba dese libro", algo así me sucedeu na XII Asemblea do BNG (e última) desta fin de semana. Non creo necesario entrar en detalles pero nada ten que ver esta organización coa que coñecín cando me afiliei hai máis de quince anos: conformismo, falla de ambición, falla de autocrítica, os mesmos falsos discursos da última etapa,... De verdade penso que non cambiei tanto e que si o fixeron outros.... ou non, igual sempre foron así e era eu o errado dende sempre. Supoño que o próximo 25 de Xullo será tamén por compromisarios (que en palabras dun senador é máis democrático) xa que o mantel de cadros e a tortilla son pouco glamurosos para tanto cargo e os "palmeiros" poderían caber perfectamente en calquera restaurante de postín.
Vicente 2:00:00 a. m.
|
5.11.06
Palíndromos
Para os que din que no cinema está todo inventado recoméndolles a última de Todd Solondz. É unha película dura, estéticamente diferente e onde ninguén é culpable nin inocente. Unha cinta que a ninguén deixará indiferente e obriga a falar e reflexionar tras o seu visionado, algo que non sucede no cine norteamericano que nos invade.
Vicente 8:04:00 p. m.
|
4.11.06
Sabemos quen gañou
Por primeira vez na historia da democracia en España ou en calquera das súas Comunidades sabemos quen gañou nunhas eleccións. Segundo o máis selecto e obxectivo do panorama mediático (COPE, El Mundo, Libertad Digital, ...) , nas recentes eleccións autonómicas en Cataluña gañou a recén creada formación: Ciutadans, Partit de la Ciutadania. Sucédense os artigos, entrevistas, estudios sociolóxicos,... e sen embargo tan só sabemos deles que o seu bilingüismo consiste en falar en castelán no Parlamento, o seu cartel de campaña parécese demasiado ao de Nós-UP e o programa é tan neutro que non se diferencia demasiado de calquera das outras opcións políticas.
Están argallando xa que o partido se presente nas demáis Comunidades. A ver se o experimento non lles estoura nas mans, pois parece ser que a quen máis perxudicou nas eleccións catalanas foi ao propio PP.
Vicente 7:13:00 p. m.
|
17.10.06
Compromisarios no BNG?
Despois de escoitar toda a vida que o BNG somos a forza política máis democrática pois "tódolos militantes valemos o mesmo", resulta que agora imos ser unha "organización moderna" con compromisarios como o levan facendo toda a vida o PP e PSOE. Vaia, así que agora non nos imos parecer tan só nas políticas de governo, senón tamén na organización.
Vicente 11:22:00 p. m.
|